Entre todos es posible
PONTE SOLIDARIO

Click here to edit title

Click here to edit subtitle

Mundo Solidario


ver:  todos / resumen

Nova normativa, vellos problemas

Posted by Ponte Solidario on 18 Ee abril Ee 2016 a las 15:50 Comments comentarios (1)

Un ano case que pasou dende que se conformou o novo goberno e será mañá, 19 de abril, cando se vote -e previsiblemente aprobe- unha modificación da Ordenanza Municipal de Emerxencia Social. Se non sabedes de que falamos, aquí o tedes:

Estas medidas e propostas de mellora son consideradas por Ponte Solidario como escasas e pobres, tendo en conta a relevancia do que nos xogamos con esta modificación lexislativa: a calidade e dignidade de vida das persoas en situación de Emerxencia Social de Ponteareas.
Este novo regulamento que presenta o goberno foi comunicado no Consello Sectorial Social que integramos, e como nos correspondía fixemos alegacións de mellora (xunto con outros colectivos), pero estas foron rapidamente atalladas e desestimadas apelando ao baixo orzamento.

 

Ponte Solidario ten a obriga de expresar o seu desacordo con este novo marco fronte a emerxencia social por insuficiente, por non rematar de garantir que todas as persoas de Ponteareas teñan cubertas as súas necesidades básicas. E se ben é certo que sabemos do contexto orzamentario que vivimos, tamén cremos firmemente nas prioridades. Por iso, para nos, garantir unha vida digna ás persoas máis afectadas por este período de crise económica está por enriba de calquera outra iniciativa municipal que non traballe este problema directamente. Esa é a nosa prioridade e cremos debería ser tamén a do goberno. 


Entrando ao detalle nalgúns puntos do novo regulamento de Emerxencia Social, remarcamos:


- 1.350€ como máximo de axuda anual. Tendo en conta que podemos constatar que hai familias sen ningún ingreso por períodos de ata 8 meses, solicitamos que o concello aporte o 65% do SMI cando non se reciban ningunha axuda. 

- Tope de 600€ en axudas á saúde que limita un ámbito básico para vivir con garantías de ter unha calidade de vida desexable. Sen solucións para a pobreza enerxética, para o aceso a vivenda, etc. 

- Banco de alimentos. Compre incluír produtos de hixiene e limpeza, ter en conta a calidade nutricional da dieta aportada e definir unha metodoloxía de reparto e entrega que remate coa ineficiencia actual.

- Falta de debate e participación colectiva. No proceso de configurar estas novas medidas, o Consello Sectorial Social, concibido e configurado para ocasións coma esta, xogou un papel de testemuño no que en lugar de aportar mediante o debate, tivo que limitarse a escoitar e ser informado cando o goberno xa tiña definida a nova Ordenanza. 


Por último, para Ponte Solidario é evidente e clamoroso que os 90.000€ destinados á partida orzamentaria de Emerxencia Social non son suficientes. Sembla claro que o dereito a unha vida digna de tó[email protected] ponteareáns segue a pender dun fío.


Mañá estaremos no Pleno Municipal, amosando as nosas reticencias e deixando clara a nosa postura para seguir, gracias ó esforzo colectivo, mellorando a situación en prol dos obxectivos sociais marcados.  




 


Ponte Solidario e o Goberno de Ponteareas

Posted by Ponte Solidario on 22 Ee mayo Ee 2015 a las 15:00 Comments comentarios (0)


Ponte Solidario naceu en xaneiro do ano 2013, ante o empeoramento da situación socioeconómica da poboación e a ausencia a nivel local de políticas destinadas a solucionalo. A dinámica continuou sendo a mesma, e os problemas lonxe de remitir, agraváronse. Por iso, en días onde a política cobra inevitablemente todo o protagonismo, botamos unha ollada a este camiño en paralelo ao Goberno da vila.


 

A idea inicial de Ponte Solidario non era actuar de costas ao ente municipal, e por iso antes de poñer a primeira pedra do proxecto, preguntouse á Concelleira de Servicios Sociais -Rosa Carrera- se había necesidade dunha asociación desta índole. A pesar de que a resposta foi afirmativa, dende o primeiro momento, ambas partes traballaron por camiños distintos. Xa nos inicios observamos a carencia de responsabilidades e iniciativas que a Concellería de Servizos Sociais amosaba, persoalizada en Rosa Carrera, e que limitaba (e limita) a súa actuación á caridade e beneficiencia, a asumir o problema e non ter a mínima intención de remendalo. Un modelo de axuda vertical en lugar de horizontal carente de conciencia social, de arriba a abaixo, e non entre iguais. E en desacordo coa nosa filosofía, Ponte Solidario non obtivo ningún tipo de axuda, nin económica, nin humana, nin material.

 


Como testemuñas directas da falta dunha política social axeitada, e dun reparto de forzas fragmentado entre organismos diferentes, Ponte Solidario promoveu a creación dunha Comisión Social, un frente de traballo e axuda común onde figuraran a Concellería de Servicios Sociais cos seus técnicos, a Alcaldía, e todas aquelas asociacións que traballen no eido social, para entre loitar día a día contra unha situacion de emerxencia real. O desinterés do goberno municipal retrasou ata en catro meses a convocatoria de reunións ó longo do 2014. A esta Comisión a acompañaba unha proposta de asemblea aberta aos veciños e veciñas de Ponteareas, pero ante a posibilidade de participación democrática e do coñecemento xeral da ineficiente política social, o goberno rexeitou a configuración dunha Mesa Social deste tipo. Os seguintes encontros con representantes do Concello de Ponteareas foron igual de improductivos, onde os desencontros e a incomodidade dos nosos representantes municipais tratando temas sociais con Ponte Solidario foron insostibles, sendo recorrentes os aplazamentos e desplantes pola parte gobernamental.

 


Cansos desta despreocupación e ante a incapacidade de Ponte Solidario de actuar en solitario, decidiuse poñer en marcha un proceso de Mobilización social, que rematou no Pleno Municipal do pasado 17 de marzo con resultados frustrantes e que comezaba presentando o Informe de Mínimos, un documento que recolle os dereitos básicos para garantir unha vida digna a todas as persoas. A presentación pública contou co respaldo de vintesete colectivos -sociais, educativos, culturais, políticos- decididos a traballar na situación de emerxencia social nunha Mesa Social Aberta. De novo, o PP, esta vez apoiado por ACIP, impediu a conformación dun órgano anhelado por diversas agrupacións da vila.

 


Por todo isto, polo camiño certamente tortuoso neste tempo, Ponte Solidario cre que política social do noso Concello debe mudar cara uns Servicios Sociais horizontais e integradores que, ao fin de contas, sexan verdadeiramente solidarios. Acabar coa emerxencia social só é posible sumando forzas, percepcións e coñecementos, e non rexeitando a axuda de aqueles que tenden unha man na busca dunha mellora colectiva. Conceder ás políticas sociais a importancia e orzamento que merecen é un primeiro paso necesario que aínda está por dar en Ponteareas. Seguiremos traballando para iso.

I Comunicado Asamblea da Mobilización

Posted by Ponte Solidario on 15 Ee abril Ee 2015 a las 13:30 Comments comentarios (0)


15 de abril do 2015


A MOBILIZACIÓN POR UNHA VIDA DIGNA CONTINÚA.


Esiximos que a Administración Pública garanta que todas/os veciñas/os teñan cubertas as necesidades básicas.


Cremos firmemente que unha Comisión Social Municipal pechada non garante que se executen as medidas necesarias.


No pasado Pleno Municipal do 17 de marzo, Ponte Solidario defendeu a súa proposta de moción co obxectivo de que a Administración Pública garanta unha vida digna para as/os veciños. Esta moción contiña dous puntos: o primeiro definía as necesidades básicas que deben ser cubertas e mediante o segundo constituíase unha Comisión Social como órgano necesario para concretar as medidas a tomar. Esta proposta estaba avalada polo apoio de máis de 2000 persoas a través dunha campaña de recollida de sinaturas e de 26 colectivos locais que mostraron o seu apoio público.


O Goberno municipal do PP co apoio de ACIP pretendía aprobar o primeiro punto, que representa un compromiso ético con unha demanda de amplo consenso social pero sen efectos prácticos concretos; pero presentou unha emenda ó segundo punto, á Comisión Social a través da cal se levaría a práctica dito compromiso. Os cambios propostos nesta enmenda están encamiñados a impedir a participación cidadá e de todas as organizacións interesadas en traballar contra a desigualdade social.


Esta participación dotaría a esta comisión, ademais de un amplo coñecemento da realidade concreta, co impulso de todo o tecido social interesado en acabar cos casos de pobreza no concello. Tanto Ponte Solidario como a PAH son testemuñas directas da ineficacia das comisións pechadas coas características da que finalmente se aprobou. Ineficacia froito da falta de vontade do goberno local de acabar coas desigualdades sociais e de dar a coñecer a situación económica do consistorio e situación social do municipio.


Mentres PP e ACIP escusábanse en deficiencias legais para rexeitar a proposta de Comisión Social Aberta, a propia Secretaria Municipal manifestou a posibilidade de emendar esas deficiencias no propio Pleno, algo ao que o Alcalde se negou rotundamente. Por iso denunciamos a falta de argumentos coa que Salvador Solla reaccionou, cunha actitude pouco razoable e autoritaria, faltando á verdade, contradecíndose en varias ocasións e negándose a realizar un receso para acordar unha posición común. Estes feitos aumentaron a indignación do asistentes e ante a algarabía resultante, S. Solla suspendeu o Pleno. A resposta de Ponte Solidario foi permanecer no Salón de Plenos co consentimento das autoridades e cun comportamento totalmente pacífico e cívico. Esta medida estaba encamiñada a debater entre tódolos participantes da mobilización os seguintes pasos e a acadar a repercusión que a causa e os feitos acaecidos merecían.


Ese mesmo día manifestamos que a mobilización non remataba, ese Pleno simbolizou o inicio do proceso de mobilización compartido entre todos os colectivos locais comprometidos coa igualdade social, e comunicamos que os seguintes pasos da mobilización serían acordados nunha Asemblea aberta o 27 de marzo.


Nesta Asemblea, coa asistencia de máis de 60 persoas e representadas 19 organizacións, acadáronse os seguintes acordos:


 Realizar os trámites necesarios para transformar a Comisión Social aprobada nun instrumento participativo e aberto á cidadanía.

Constituír unha Mesa Social aberta á participación de todas as persoas e organizacións que o desexen para comezar a traballar contra a pobreza e exclusión social. A través desta, e froito do coñecemento e experiencia de todos os colectivos, analizaremos as propostas que posteriormente esixiremos ás institucións. Será a canle para a participación activa da cidadanía nas decisións públicas de forma colectiva e informada.

 Prestar especial atención á comunicación desta problemática e do desenrolo da mobilización, información que será difundida polos colectivos interesados.

Convocar a próxima Asemblea aberta para continuar coa organización da mobilización para o 17 de abril.


Ademais de seguir loitando para que os dereitos básicos sexan garantidos pola administración pública, Ponte Solidario continúa coa súa labor solidaria cotiá, como ferramenta de axuda e apoio mutuo, onde as/os afectadas/os poden actuar para acadar cubrir as necesidades básicas en alimentación, saúde, educación, vivenda e formación.

Carta aberta ao Atlántico Diario

Posted by Ponte Solidario on 22 Ee marzo Ee 2015 a las 7:40 Comments comentarios (0)

(Carta enviada en relación a este artigo: http://www.atlantico.net/articulo/area-metropolitana/nombre-solidaridad-agrede-edil-acip/20150319010414465988.html)


Estimados Diario Atlántico e xornalista Roma Tébar:


Quedamos realmente sorprendidos cando lemos o voso artigo, non sabemos as razóns, motivos ou información errada que puido chegar as vosas mans para rematar escribindo unha crónica tan desacertada do sucedido no pleno do pasado 17 de marzo.

 

O que si vos pode asegurar Ponte Solidario é que levamos meses de traballo en prol dun Informe de Mínimos de maneira pública e aberta, sempre buscando un gran consenso social para apoialo. Por iso, pese as nocivas intencións que asoman detrás do voso artigo, a percepción de Ponte Solidario como asociación estará avalada por dous anos de traballo e esforzo onde acadamos salientables logros no eido social.


Agora, se nos permitides, matizamos e desmentimos:

 

- “En el nombre de la solidaridad se agrede a una edil de ACIP” é un titular tremendamente difamatorio para algo tan relevante e con tanto trasfondo social como o acontecido estes días. Non recibimos ni unha soa chamada, nin un só email, para preguntarnos se esa acusación era certa. Si recibimos, indirectamente no voso artigo, a acusación de que o Atlántico non foi convidado a rolda de prensa do día 18 perxudicando aos vosos lectores, cando Ponte Solidario enviou a [email protected] todos os comunicados e informacións que remitimos esta semana, incluída a convocatoria ás 10.00h do día seguinte para unha conferencia de prensa no salón de plenos.


-  “Una utopía practicamente inviable” é unha forma un tanto inxusta de referirse ó Informe de Mínimos e pon de manifesto o absoluto descoñecemento que quen escribe ten sobre as medidas e o traballo de Ponte Solidario, que só con voluntarios xa puxo en marcha parte de esa “utopía inviable”. Si, Ponte Solidario gracias a colaboración da empresa local fixo realidade a primeira vivenda de aluguer social e queremos seguir ese camiño de “utopía”, viable neste caso.

 

- “...parapetándose en el despacho de la Alcaldía”, “tangana”, “escrache” ou “pasaron la noche encerrados” son expresións que debuxan un Pleno como unha barricada suburbial e atacan as intencións da cidadanía de utilizar ferramentas participativas na vida política da vila. Poder exercer o dereito a mobilizarse e falar nun pleno municipal cando temos a palabra é acaso un feito negativo? Violento quizáis?

Ademais, de novo atopámonos con información non contrastada. Nin parapeto nin encerro, Ponte Solidario e os colectivos da mobilización permaneceron no salón de plenos con permiso das autoridades e coas portas abertas toda a noite, porque cremos convinte utilizar un espazo de debate precisamente para iso, para o debate aínda cando con quen queremos debatir abandona a sala.

 

- “Algunos criticaban al portavoz de Ponte Solidario por haber hecho más que una reivindicación un discurso político”.

Gustaríanos polo menos coñecer quen fundamenta esa acusación e no caso de que sexa unha “liberdade creativa” de quen escribe, dicirlle que utilizar as canles políticas como fai Ponte Solidario para traballar contra a exclusión social non é reprochable, é necesario. A política é necesaria para cambiar as cousas, pódese levar a cabo a acción social sen membrete de partido algún pero traballando coas institucións, querer mellorar e garantir un mínimos de dignidade en Ponteareas non é un discurso político, é sentido común.


- “Hubo concejales que ni siquiera pudieron subir al salón de sesiones”.

Nin un só concelleiro pode afirmar que se quedou fora do pleno pola concentración de Ponte Solidario. Non o poderá afirmar simplemente porque iso non ocorreu.

 

- Sobre a suposta “agresión a una edil de ACIP”, na que “una situación muy desagradable con insultos y empujones incluidos que le provocó -a la edil María José Aparicio- un ataque de ansiedad y pánico” polo que tivo que ser sacada de alí “casi en volandas, evitando que rodase por las escaleras hasta que fue arropada por la Policía Local”, como dicíamos, sobre isto estamos sen palabras.

É dífícil faltar máis ao respecto e a verdade nun só parágrafo. Pero como non todo dependeu de Ponte Solidario o pasado día 17, e nese caso que se conta non había persoas da asociación involucradas, preocupámonos por indagar no suceso. Despois de falar coa edil María José Aparicio, confirmou a Ponte Solidario que aínda que sí viviu unha situación tensa cunha persoa que asistiu ó pleno, non houbo ningunha agresión nin nada que se lle parecese, polo que a narración do episodio no Atlántico Diario trátase só dun exercicio de mal gusto periodístico.

 

Por todo isto pedimos unha rectificación, xa que o agravio cara Ponte Solidario e toda a xente que con ilusión se mobiliza polo que considera xusto e necesario está feito, a lo menos tentar reparar o que puido poñerse en tela de xuízo.

 

Asociación Ponte Solidario

 

Comunicado #17M

Posted by Ponte Solidario on 17 Ee marzo Ee 2015 a las 20:30 Comments comentarios (0)


 

A Asociación Ponte Solidario e os colectivos que apoian o Informe de Mínimos permanecerán esta noite de debate e denuncia pública no salón de plenos do Concello de Ponteareas.

 


Porque estamos aquí?

Por xustiza social, para que os veciños e veciñas de Ponteareas teñan as necesidades máis básicas cubertas a través da administración pública con principios solidarios e non caritativos.


Cal foi o proceso?

Presentouse unha moción para debater e aprobar no Pleno Municipal, o Informe de Mínimos. Este documento recolle as necesidades básicas que toda persoa debe ter cubertas para unha vida digna, e para que poida traballarse nese camiño, propoñemos unha Mesa Social aberta que garanta un traballo permanente e dedicado no eido social, cuns obxectivos marcados.


Que ocorreu no Pleno Municipal?

Dende o equipo de goberno, co alcalde Salvador González Solla á cabeza, e dende o grupo ACIP, opuxéronse co seu voto en contra á creación dunha Mesa Social aberta á cidadanía. A oposición e a Asociación Ponte Solidario insistiron para que os grupos PP e ACIP reconsideraran a súa postura, tentando votar unha emenda de Ponte Solidario para esa Mesa Social, que se axustaba ó que o goberno alegaba como necesario para cumprir coa legalidade e poder votar a favor.

Pero a oportunidade de debate esgotouse cando Salvador Gónzalez suspendeu abruptamente o Pleno Municipal e rematou co intento de aprobación de proposta algunha, sen máis explicacións que unha mirada cara outro lado.


 

Mañá, ás 10.00h na entrada do Concello, o portavoz de Ponte Solidario dará explicacións aos medios de comunicación sobre todo o proceso.

   

                                                                

You need Adobe Flash Player to view this content.


 


Rss_feed